Saltar ao contido

Coroa neozelandesa de 1949

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coroa neozelandesa de 1949 [1]






A/: Busto sen coroa de Xurxo VI cara á esquerda, con lenda arredor.

Lendas: KING GEORGE THE SIXTH

R/: Folla de fento flanqueada por estrelas; lenda arredor e data abaixo.

Lendas: NEW ZEALAND CROWN / 1949

A coroa neozelandesa de 1949 é unha moeda de prata con ese valor facial, equivalente a cinco xilins, cuñada en 1949 pola Royal Mint de Londres para ou Dominio de Nova Zelandia, con carácter conmemorativo da prevista visita do rei Xurxo VI a ese territorio.

Logo da súa primeira visita ao país en 1927, cando aínda era Duque de York, propúxose unha segunda visita xa como monarca en 1940, aínda que esta foi posposta por mor do estoupido da segunda guerra mundial. A principios de 1948 anunciouse unha nova visita do rei e da raíña a Australia e a Nova Zelandia en 1949, que sería a primeira dun monarca reinante ao dominio.

O Ministro de Finanzas, Walter Nash, apoiou unha proposta da Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia para pór en circulación unha moeda conmemorativa da visita. Os esbozos do artista neozelandés James Berry foron modelados polo deseñador da Royal Mint, Percy Metcalfe, e a moeda entrou en produción a finais de 1948. Mais pola deterioración da súa saúde, o rei pospuxo indefinidamente a xira en novembro de 1948, o que xerou temores na Real Sociedade Numismática de que as moedas xa cuñadas puidesen acabar refundíndose. O Goberno de Nova Zelandia respondeu positivamente aos chamamentos para continuar coa emisión de moedas, e estas, que estiveron dispoñibles para a súa posta en circulación ao su valor nominal nos bancos locais de Nova Zelandia en novembro, foron distribuídas ademais aos coleccionistas numismáticos no estranxeiro a través de consulados xerais en Australia, o Canadá, os Estados Unidos e o Reino Unido.

Antecedentes e contexto

[editar | editar a fonte]

Nas décadas posteriores á introdución da libra neozelandesa como moeda nacional en substitución da anterior libra esterlina, Nova Zelandia produciu varias moedas conmemorativas.[2] En 1935, a coroa de Waitangi, cun valor nominal de cinco xilins inexistente ata aquel momento, cuñouse en cantidades extremadamente limitadas e non para a súa circulación ordinaria senón exclusivamente para a súa distribución ao comercio numismático. Dado que o lanzamento da coroa de Waitangi se considerou en gran medida un fracaso,[3] a posterior media coroa do Centenario, de 1940, produciuse en cantidades moi superiores e entrou en circulación ao seu valor nominal, mais a considerable demanda dos coleccionistas e o hábito da poboación por gardar os exemplares que atopaba, pola súa curiosidade, acabaron por provocar a súa saída da circulación .[4][5]

Proposta dunha visita real

[editar | editar a fonte]

Alberte, duque de York, visitou Nova Zelandia nunha xira real de 1927, a quinta visita dun príncipe británico a Nova Zelandia.[6] Logo da súa ascensión ao trono como Xurxo VI, comezouse a considerar a posibilidade de realizar unha nova visita a ese territorio, co gallo das celebracións do centenario de Nova Zelandia en 1940, pero esta viuse interrompida polo estoupido da segunda guerra mundial.[7][8]

En marzo de 1948 anunciouse unha xira de Xurxo VI e a raíña Isabel a Australia e a Nova Zelandia o ano seguinte, planeada como a primeira visita dun monarca en funcións ao dominio.[9] Determinouse un itinerario da viaxe durante os días seguintes, segundo o cal a parella real navegaría a Nova Zelandia a finais de febreiro despois de cruzar o Pacífico, antes de partir cara a Australia 16 días despois.[10]

Produción

[editar | editar a fonte]

En abril de 1948, a Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia propuxo a creación dunha moeda conmemorativa co valor nominal dunha coroa para preparar a visita real.[11][12] Co antecedente da idea australiana de emitir unha moeda conmemorativa de catro xllins, o ministro de Finanzas neozelandés, Walter Nash, apoiou en maio a proposta da Sociedade Numismática da emisión dunha moeda conmemorativa con carácter circulante.[13]

Logo dos atrasos debidos a conflitos de deseño, en outubro de 1948 acordouse un deseño para o anverso, e as moedas comezaron a fabricarse na Royal Mint de Londres.[14] O deseñador de selos neozelandés James Berry, que xa presentara sen éxito as súas propostas de deseños para a coroa de Waitangi e para a serie de moedas circulantes de 1940,[15][16] deseñou un reverso cun fento (Cyathea dealbata) rodeado polas catro estrelas da Cruz do Sur. Os esbozos do deseño de Berry enviáronse ao deseñador da Royal Mint Percy Metcalfe para que os modelase.[17][18]

O anverso da moeda, do mesmo xeito que outras moedas neozelandesas da época, amosa un busto sen coroa de Xurxo VI, creado polo artista Humphrey Paget.[19] A moeda cuñouse nunha aliaxe de prata de 500 milésimas, e foi a única moeda de prata en circulación en Nova Zelandia logo do abandono das cuñaxes de moedas nese metal, en favor do cuproníquel, en 1947.[20]

Cancelación da visita real

[editar | editar a fonte]

En novembro de 1948, o rei pospuxo indefinidamente a visita real prevista a Nova Zelandia e a Australia, alegando problemas de saúde.[21] Debido á posibilidade de que as moedas xa cuñadas se refundisen, a Real Sociedade Numismática emitiu un comunicado no que instaba a continuar coa distribución das moedas conmemorativas malia a cancelación da viaxe, aducindo en apoio desta proposta a falta de iconografía específica da visita real na moeda, así como algúns precedentes de emisión de moedas circulantes dunha coroa tanto no Reino Unido como en Suráfrica.[22] Nash respondeu a principios de de decembro que non había plans para refundir as moedas xa cuñadas.[23]

Lanzamento

[editar | editar a fonte]

A finais de febreiro de 1949, a data orixinalmente prevista para a xira real, o Banco da Reserva de Nova Zelandia comunicoulle á Real Sociedade Numismática os seus plans de colaborar con outros bancos comerciais na distribución das moedas máis adiante ese mesmo ano.[24] A principios de novembro, a maior parte da emisión chegara xa desde a ceca londiniense ata Nova Zelandia e as moedas puxéronse ao dispor da poboación polo seu valor nominal nos bancos locais o 17 de novembro. Igualmente, estiveron dispoñibles para os coleccionistas estranxeiros cantidades máis pequenas nas comisións comerciais e nos consulados xerais de Nova Zelandia en varias cidades de Australia, o Canadá, o Reino Unido e os Estados Unidos.[25]

En Dunedin, o 17 de novembro formáronse grandes colas fronte aos bancos á espera das moedas.[26] A Real Sociedade Numismática proporcionou unha moeda a todos os seus membros, dispoñible ao seu valor nominal mais o custo de envío.[27] En 1949 produciuse un total de 200.020 exemplares da moeda, xunto cuns tres espécimes de cuñaxe en probas.[28][29] Dúas destas cuñaxes de probas, certificadas pola entidade certificadora Professional Coin Grading Service (PCGS), vendéronse por máis de 15.000 dólares estadounidenses nunha poxa numismática da casa Stack's & Bowers en 2020.[30]

  1. "1 Crown - George VI Royal Visit". Numista.com
  2. Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 150-157.
  3. Stocker, M. (2010). Páxinas 185-188.
  4. Stocker, M. (2011). Páxina 221.
  5. Stocker, M. (2010). Páxina 187.
  6. Cook, M. (2012). "Royal tours". Te Ara. Encyclopedia of New Zealand (teara.govt.nz).
  7. "Royal Tours Abroad". En New Zealand Herald. 10 de agosto de 1938. Páxina 13.
  8. "Royal visit badge, 'Royal Visit N.Z. 1949'". Museum of New Zealand (Collections.tepapa.govt.nz).
  9. "Royal Visit to N.Z. in 1949 Announced". En The Press. 8 de marzo de 1948. Páxina 7.
  10. "Royal Visit To N.Z. Before Australia". En Northern Advocate. 10 de marzo de 1948. Páxina 5
  11. "Proposed Commemorative Crown Piece". En New Zealand Numismatic Journal. 4 (3). The Royal Numismatic Society of New Zealand. Páxina 90. Maio de 1948.
  12. "Notes of Meetings". En New Zealand Numismatic Journal. 4 (3). Páxina 109. Maio de 1948.
  13. "Special Crown Piece May Be Struck By N.Z. To Mark Royal Visit". En Wanganui Chronicle. 1 de xuño de 1948. Páxina 4.
  14. "Minting of Crowns". En Wanganui Chronicle. 11 de outubro de 1948. Páxina 4.
  15. Stocker, M. (2011). Páxinas 209-210.
  16. Stocker, M. (2010). Páxinas 179-181.
  17. "New Zealand Crown Piece". En New Zealand Numismatic Journal. 5 (3). Páxinas 91-92. Outubro de 1949.
  18. Royal Mint Annual Report 1948. 1950. Páxina 6.
  19. Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 154.
  20. Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 156-157.
  21. "The King's Health". En The Press. 24 de novembro de 1948. Páxina 4.
  22. "Distribution Urged Of Crowns Struck For Royal Visit". En Gisborne Herald. 1 de decembro de 1948. Páxina 6.
  23. "Royal Visit Coins". En Gisborne Herald. 7 de decembro de 1948
  24. "Distribution of Crown Piece" En New Zealand Numismatic Journal. 5 (1). Páxina 22. 22 de febreiro de 1949.
  25. "N.Z. 5s Piece to Be Issued Next Week". En Greymouth Evening Star. 12 de novembro de 1949. Páxina 3.
  26. "Banks Besieged For Crowns". En Otago Daily Times. 18 de novembro de 1949.
  27. "New Zealand Crown Pieces, 1949". En New Zealand Numismatic Journal. 5 (2). Páxina 51. Xuño de 1949.
  28. "Mintings of New Zealand Coins". En New Zealand Numismatic Journal. 10 (3). Febreiro de 1961.
  29. Cuhaj, G. S. (2014). Páxina 1.638.
  30. "New Zealand. Crown, 1949. PCGS PROOF-66 Gold Shield". Stacks Bowers. Caneiro de 2020.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]