Xilin neozelandés
Xilin neozelandés
Xurxo V (1910-1936)[1] | |
---|---|
A/: Busto coroado de Xurxo V cara á esquerda, con lenda arredor.
Lendas: GEORGE V KING EMPEROR |
R/: Guerreiro maorí agachado sostén unha lanza. Lenda, valor facial, data e marca de gravador (KG).
Lendas: NEW ZEALAND / ONE SHILLING |
|
O xilin neozelandés foi unha moeda cuñada por primeira vez en 1933, xunto co resto da serie de prata da libra neozelandesa, e que se mantivo ata 1965. A moeda creouse por mor da escaseza de moedas de prata británicas comparables logo da desvaloración da libra neozelandesa con respecto á libra esterlina. O seu tamaño é lixeiramente maior ca o do xilin británico; tiña un valor de doce peniques, equivalente a medio florín ou a dous quintos da media coroa.
Os primeiros deseños de Percy Metcalfe, que representaban un kiwi e ferramentas maorís cruzadas, foron rexeitados pola Royal Mint. Un deseño alternativo, tamén cun kiwi, proposto por George Kruger Gray entrou na fase de cuñaxe de probas, mais finalmente foi descartado polo primeiro ministro de Nova Zelandia en funcións, Gordon Coates, en favor dun deseño que representaba un home maorí, o cal foi apoiado por varios políticos desta etnia. A moeda lanzouse, xa que logo, coa figura dun guerreiro maorí semiespido, agachado sobre as rochas e sostendo un taiaha, e o acollemento inicial por parte da poboación foi bo, aída que con certas críticas.
O xilin neozelandés cuñouse nunha aliaxe do 50 % de prata ata que, en 1947, a suba dos prezos deste metal logo da segunda guerra mundial provocou o seu cambio ao cuproníquel. Emitiuse con relativa regularidade ata 1965, ano en que deixou de cuñarse tras a decimalización do sistema monetario e a adopción do dólar neozelandés.
Antecedentes e contexto
[editar | editar a fonte]Os xilins británicos circularon por primeira vez en Nova Zelandia a principios do século XIX xunto con outras moedas de prata estranxeiras, entre as que había tamén emisións estadounidenses, españolas, francesas e neerlandesas, ademais doutras moedas de prata británicas. A libra esterlina foi confirmada como moeda de curso legal en 1858,[3] mais, de feito, estaba a ser xa a única moeda en circulación desde 1847.[4]
Australia comezara a emitir as súas propias moedas en 1910 —logo da súa independencia en 1901—, entre elas o xilin australiano, e a circulación desta moeda xeneralizouse tamén en Nova Zelandia a partir de 1930, cando Australia desvalorizou a libra australiana con respecto á libra esterlina. Como consecuencia, grandes cantidades da desvalorizada moeda australiana comezaron a inundar Nova Zelandia, chegando a constituír entre o 30 % e o 40 % de toda a moeda en circulación a principios de 1933. A falsificación de moedas de prata tamén aumentou durante este período.[5]
En 1933, Nova Zelandia desvalorizou a libra neozelandesa, o que provocou un contrabando masivo de moedas de prata a Gran Bretaña e outras posesións coloniais. Tras varias décadas de propostas, o Goberno neozelandés emprendeu ese mesmo ano a creación dunha moeda nacional.[6] A Lei da Moeda de 1933 establecía os pesos e os tamaños das seis moedas de prata neozelandesas, e definía o xilin como unha moeda cun peso de 5,66 gramos, co valor de doce peniques ou medio florín.[7]
Aínda que as empresas nacionais se ofreceron a cuñar a nova moeda, o Goberno neozelandés considerou que as instalacións do país non eran suficientes para a produción en masa, polo que esta se lle encomendou á Royal Mint, de Londres.[8]
Deseños
[editar | editar a fonte]Anverso
[editar | editar a fonte]Os anversos das moedas dun xilin neozelandés desde a emisión inicial de 1933 presentan un busto coroado de Xurxo V, que o deseñador da Royal Mint Percy Metcalfe creara inicialmente para o seu uso na libra de Rodesia do Sur. Metcalfe baseouse nun busto coroado máis antigo do escultor australiano Bertram Mackennal, utilizado tamén na moeda doutros territorios coloniais e dominios británicos. Pola súa banda, os deseños do reverso foron froito da colaboración entre o goberno neozelandés e o Comité Asesor da Royal Mint, encabezado polo seu subdirector, Robert Johnson.[9][10][11]
Durante todo o proceso de deseño consultáronse os artistas locais e os membros da Sociedade Numismática de Nova Zelandia, pero encargóuselle aos deseñadores británicos a creación dunha serie inicial de propostas, malia as peticións das sociedades artísticas locais para que as moedas fosen de creación nacional. Metcalfe e George Kruger Gray eran artistas experimentados, que deseñaran xa moedas para outros territorios británicos, polo que se lles encargou que presentasen deseños para cada un dos cinco valores faciais iniciais da moeda de prata neozelandesa.[9][10][11]
En tanto que o reverso do xilin permaneceu invariable ao longo das súas máis de tres décadas de existencia, nos anversos fóronse sucedendo os retratos e as lendas alusivas aos monarcas reinantes en cada momento: Xurxo VI (1937-1952) —con deseño de T. H. Paget—[12] e Isabael II (1952-2022) —deseñado por Mary Gillick—.[13]
Reverso
[editar | editar a fonte]Metcalfe presentou dous deseños para o reverso. O primeiro amosaba un toki poutangata —unha aixola cerimonial maorí de pedra verde— cruzado cun whakapakoko rākau —“bastón de Deus”—, que dividía en dous a inscrición SHILLING e NZ. Este deseño foi rexeitado de camiño polo Comité Asesor da Casa da Moeda,[15] e Metcalfe presentaría máis tarde unha variación del para o seu uso na moeda de cobre dun penique, que foi rexeitada igualmente.[16][17]
O segundo deseño de Metcalfe para o reverso amosaba un kiwi idealizado, en pé sobre un chan plano e ollando cara ao espectador, coa inscrición SHILLING enriba e as iniciais N e Z de Nova Zelandia a ambos os lados da ave, e a data no exergo. O Comité Consultivo rexeitou tamén este deseño sen facer comentarios.[15] En tanto que este controvertido deseño do kiwi foi descrito en 1966 como "apenas recoñecible" no New Zealand Numismatic Journal,[18] tamén espertou opinións favorables, como a aparecida en 2004 na mesma publicación, que o describía como unha mostra de Art Déco, "atemporal, elegante e divertida".[16]
Pola súa banda, Kruger Gray presentou un deseño que resultou moi apreciado polo comité, que tamén presentaba un kiwi abstracto, con divisións onduladas no seu corpo. Había uns motivos kowhaiwhai —formas espirais simbólicas da arte maorí— flanqueando a ave por tres lados, xunto cun fondo texturado que se arqueaba por baixo. Allan Sutherland, membro da Comisión de Moeda e historiador numismático, comparou o deseño do kiwi coa piña dun piñeiro: “O neozelandés medio non o aceptaría como unha representación exacta da ave nacional sen ás”. Este xilin foi aprobado polo Comité Asesor da Royal Mint, xunto con outros deseños de Kruger Gray para as moedas do resto dos valores faciais que compuñan a serie denominacións iniciais da cuñaxe.[15][16]
Intervención da Comisión de Deseño de Moedas
[editar | editar a fonte]O primeiro ministro de Nova Zelandia, George Forbes, tivo un mandato moi débil, e o ministro de Finanzas, Gordon Coates, actuou como primeiro ministro interino de facto, especialmente durante as prolongadas estadías de Forbes en Gran Bretaña. En xullo de 1933, Coates nomeou un Comité de Deseño de Moedas, composto por varios artistas locais e membros da Sociedade Numismática de Nova Zelandia. Este novo comité discrepou significativamente dos deseños de moeda aprobados e rexeitou o deseño idealizado do kiwi en favor dun deseño naturalista que se utilizaría no reverso do florín, de maior tamaño. Dado que o florín se propuña como unidade básica dunha futura cuñaxe decimal, o comité deulle prioridade á presenza do kiwi nesa moeda. Pola súa banda, para o xilin, por consello do ministro de Asuntos Indíxenas Sir Āpirana Ngata, escolleuse unha "figura maorí agachada alerta e con taiaha [unha especie de lanza], [...] un deseño que encha bastante o círculo, con campo liso". Pedíuselle á Royal Mint que tomase como referencia o deseño de Allan Gairdner Wyon de 1911 para a medalla conmemorativa dedicada ao científico James Hector, cuxo anverso amosa a un cazador maorí atrapando un huia.[20][21] A petición de lle engadir unha figura maorí á moeda foi apoiada por outros políticos maorís, como Eruera Tirikatene, deputado polo distrito maorí do sur.[16][22]
O subdirector Johnson intentou pórse en contacto con Wyon para conseguir unha medalla que servise de referencia para o xilin. Ambos, competidores comerciais no deseño de medallas, non conxeniaban con facilidade. Wyon, sospeitando que Johnson intentaría copiar o seu traballo, negouse a prestar unha copia á Royal Mint. Kruger Gray, que tampouco puido facer referencia á medalla, sentiuse decepcionado pola eliminación do motivo kowhaiwhai, xa que o consideraba importante para preservar un carácter nacional distinto para a cuñaxe neozelandesa. Consideraba que o xilin era unha moeda demasiado pequena para unha figura de corpo enteiro, polo que recomendou que se incluíse no florín, de maior tamaño. Varios días despois de que Kruger Gray recibise a solicitude, Johnson aseguroulle que os deseños orixinais seguirían adiante e pediulle que continuase co xilin con lixeiras modificacións, incluída unha maior definición dos orificios nasais da ave. Johnson citou o acordo do primeiro ministro Forbes sobre o uso do kiw: "O primeiro ministro neozelandés desexa acatar estritamente a decisión [...] e propón facer caso omiso das observacións do comité local".[16][24]
Xunto coa moeda de tres peniques con motivo hei tiki, este xilin axustado foi un dos dous únicos deseños rexeitados que chegaron á fase de cuñaxe de probas, das que se conservan algúns exemplares no Museo da Royal Mint,[25] así como outro en mans privadas, certificado por PCGS.[26]
“ | A dificultade de adaptar un deseño deste carácter a unha moeda, que é ante todo un deseño de medalla, estriba en que a cantidade necesaria no reverso para presentar adecuadamente a figura agachada é tan grande que non se pode afrontar con éxito dun só golpe, [...] xa que a efixie da súa Maxestade no anverso xa require unha masa considerable de metal na outra cara. Subdirector Robert Johnson, carta a Allan Sutherland, 13 de outubro de 1933. |
” |
En tanto que o Comité Consultivo continuaba a traballar na cuñaxe, alegando a urxente necesidade de cuñar moeda nacional e o atraso que causaría calquera redeseño, Coates seguía telegrafando á Royal Mint cos detalles para o redeseño. O Comité Consultivo pretendía demoralo ata o regreso de Forbes a Nova Zelandia o 20 de setembro, momento en que Coates perdería os poderes ministeriais en funcións e se podería seguir traballando nos deseños orixinalmente aprobados. Johnson redactou un telegrama para llo enviar a Coates, no que propuña un novo deseño para a emisión de 1934, ao tempo que mantiña os deseños do Comité Asesor para as moedas de 1933 e reiteraba as súas obxeccións sobre a idoneidade dunha representación de corpo enteiro dos maorís nunha moeda do tamaño dun xilin.[16][27]
No entanto, Forbes acabou cedendo ante o Comité de Deseño ao seu regreso a Nova Zelandia e avisou á Royal Mint a principios de outubro para que continuase co redeseño proposto. Nun principio, o deseño idealizado do kiwi de Kruger Gray trasladouse directamente ao florín, mais finalmente se viu obrigado a redeseñalo de xeito naturalista.[16][28]
O xilin maorí
[editar | editar a fonte]Coates especificou que a figura maorí do xilin debía representarse en "actitude de danza de guerra [Haka] adecuada", e aconsellou facer referencia á moeda filipina dun centavo daquela vixente. Foi "incapaz de entender" as obxeccións de Johnson ao deseño no xilin, e enviáronse esbozos para axudar.[30] Unha petición do deputado Eruera Tirikatene para que a figura fose tatuada foi desestimada por Coates, que cría que presentaría os neozelandeses como "maorís salvaxes".[22]
Kruger Gray avanzou de camiño coas instrucións do novo deseño e a mediados de outubro presentou un esbozo que se aproximaba ao deseño definitivo. No canto dunha haka, o guerreiro aparece con roupa tradicional maorí (piupiu), co peito descuberto e de costas ao espectador, agachado no alto dunha rocha.[31][32] En novembro, o deseño fora aprobado e pedíuselle a Kruger Gray que procedese a modelar o xilin para a súa produción.[33]
Estes novos xilins entraron en circulación en Dunedin o 3 de abril de 1934.[34] As preocupacións de Johnson acerca da forza necesaria para representar a figura en altorrelevo resultaron clarividentes, xa que a necesidade de facer unha cuñaxe máis forte acurtou notablemente a vida dos cuños utilizados.[35]
Lanzamento e acollemento
[editar | editar a fonte]“ | É demasiado tarde para cancelar a emisión e ter un guerreiro maorí vestido correctamente con "taiaha", na posición axeitada, remodelado para o novo xilin? Carta ao director, New Zealand Herald, marzo de 1934.[36] |
” |
Aínda que a nova moeda foi en xeral ben acollida pola poboación neozelandesa, a reacción ao xilin foi dispar. Criticouse o uso ahistórico da prenda piupiu —asociada á danza e á cerimonia haka modernas— nun escenario de combate, así como a incómoda pose coa que se suxeitaba o taiaha.[37]
Allan Sutherland amosouse satisfeito co deseño, mais lamentou unha "ausencia de xuventude, vigor e vitalidade" na representación do guerreiro.[35] O xilin foi criticado no xornal The Dominion polo etnólogo Johannes Andersen por consideralo excesivamente bélico, e suxeriu que sería máis acaída unha vista frontal ou un deseño máis semellante á escena de caza representada na Medalla de James Hector.[38]
Cancelación
[editar | editar a fonte]Por mor dos altos prezos da prata nos anos posteriores á segunda guerra mundial, as moedas que se estaban a cuñar en prata, entre elas o xilin, pasaron a cuñarse en cuproníquel a partir de 1947. Moitas das moedas de prata foron retiradas da circulación e fundidas polos bancos. Finalmente, o xilin aboliuse en 1967, en favor das novas moedas correspondentes á serie do dólar neozelandés.[39]
Tiraxes e coleccionismo
[editar | editar a fonte]A cuñaxe do xilin mantívose relativamente estable ao longo da súa vida, con só cinco anos nos que non se produciron pezas para a circulación. No entanto, as baixas cifras de cuñaxe a principios das décadas de 1940 e 1950 provocaron que os coleccionistas actuais padezan unha gran escaseza de moedas en bos estados de conservación nalgunhas datas. Algunhas, como a cuñada en 1955, cotízanse en centos de euros no mercado en estado "sen circular".[40] Por outra banda, non se produciron emisións conmemorativas.[41]
Existen dúas variantes significativas do xilin provocadas por un erro na cuñaxe, que alcanzan prezos significativamente máis altos que as emisións estándar das súas respectivas datas. En 1942 e en 1958 cuñáronse en pequenas cantidades xilins da variedade coñecida como "lombo roto", e en 1962 apareceu a variedade denominada "sen horizonte".[40]
Monarca | Ano de emisión | Moedas cuñadas |
---|---|---|
Xurxo V (1910-1936) [1] |
1933 | 2.000.000 |
1934 | 3.400.000 | |
1935 | 1.680.000 | |
1936 | 0 | |
Xurxo VI (1936-1952) [12] |
1937 | 890.000 |
1938 | 0 | |
1939 | 0 | |
1940 | 500.000 | |
1941 | 360.000 | |
1942 | 240.000 | |
1943 | 900.000 | |
1944 | 480.000 | |
1945 | 1.030.000 | |
1946 | 1.060.000 | |
1947 | 2.800.000 | |
1948 | 1.000.000 | |
1949 | 0 | |
1950 | 600.000 | |
1951 | 1.200.000 | |
1952 | 600.000 | |
Isabel II (1952-2022) [13] |
1953 | 200.000 |
1954 | 0 | |
1955 | 200.000 | |
1956 | 800.000 | |
1957 | 800.000 | |
1958 | 1.000.000 | |
1959 | 600.000 | |
1960 | 600.000 | |
1961 | 400.000 | |
1962 | 1.000.000 | |
1963 | 600.000 | |
1964 | 3.400.000 | |
1965 | 3.500.000 | |
Total | 31.840.000 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "1 Shilling - George V". Numista.com
- ↑ "1 Shilling - Victoria 1st portrait; 'Young Head'". Numista.com
- ↑ Matthews, K. (2003).
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 32.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 141-142.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 142.
- ↑ "Coin Act 1933: An act to make Provision with respect to Currency, Coinage, and Legal Tender in New Zealand". New Zealand Parliament.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 144-145.
- ↑ 9,0 9,1 Stocker, M. (2004). Páxinas 3-6.
- ↑ 10,0 10,1 Stocker, M. (2005). Páxinas 145-146.
- ↑ 11,0 11,1 Johnson, R. A. (1934). Sixty-Fourth Annual Report of the Deputy Master and Comptroller of the Royal Mint - 1933. His Majesty's Stationery Office. Londres. Páxinas 6-8.
- ↑ 12,0 12,1 "1 Shilling - George VI (1st type), (2nd type), (3rd type)". Numista.com
- ↑ 13,0 13,1 "1 Shilling - Elizabeth II 1st portrait". Numista.com
- ↑ 14,0 14,1 Stocker, M. (2004). Páxina 12.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Stocker, M. (2005). Páxina 148.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 Stocker, M. (2004). Páxinas 7-33.
- ↑ Stocker, M. (2011).
- ↑ Denarius (1966). "The Maori on the Shilling". New Zealand Numismatic Journal. Vol. 11. Nº 6. Páxinas 246-247.
- ↑ "1 Shilling - George V Kiwi Shilling; pattern". Numista.com
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxinas 150-151.
- ↑ "News of the Day". En Press.. Vol. XLVIII. Nº 14.513. 20 de decembro de 1912. Páxina 6.
- ↑ 22,0 22,1 "Talk of "Stouch": Incident in House, Maori Members Feelings". En Evening Post. 9 de novembro de 1933. Páxina 9.
- ↑ "Joseph Gordon Coates". National Library Wellington (Natlib.govt.nz).
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxinas 151-152.
- ↑ "1933 New Zealand pattern shilling". The Royal Mint Museum.
- ↑ Turner, J. (2020). "PCGS Certifies Rare 1933 New Zealand Pattern". Professional Coin Grading Services (PCGS.con).
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxinas 152-153.
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxinas 153.
- ↑ "Philippines: 1 Centavo". Numista.com
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxina 52.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 153.
- ↑ "Designs on New Zealand Coins". En New Zealand Numismatic Journal. Vol. 10. Nº 3. Páxinas 74-77. Febreiro de 1961.
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxina 155.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 149.
- ↑ 35,0 35,1 Stocker, M. (2005). Páxina 157.
- ↑ McDonald, J. (1934).
- ↑ McDonald, J. (1934).
- ↑ Andersen, J. C. (1934). "'Warlike Shilling': Experts Criticize New Zealand Coins". En Dominion. 30 de abril. Páxina 8.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 182-283.
- ↑ 40,0 40,1 Cuhaj, G. S. (2014). 2014 Standard Catalog of World Coins - 1901-2000 (41ª ed.). Krause Publications. Páxina 1.633. ISBN 978-1440235672
- ↑ Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En Te Ara. The Encyclopedia of New Zealand (Teara.govt.nz).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hargreaves, R. P. (1972). From Beads to Banknotes. The Story of Money in New Zealands. John McIndoe, Dunedin.
- Matthews, K. (2003). "The Legal History of Money in New Zealand". En Reserve Bank of New Zealand Bulletin. Vol. 66. Nº 1. Páxinas 40-49.
- McDonald, J. (1934). "The New Shilling Design". En New Zealand Herald. 14 de marzo. Páxina 15.
- Stocker, M. (2004). The Numismatic Birth of the Dominion’ The 1933 New Zealand Coinage Designs. Royal Numismatic Society of New Zealand, Wellington. ISBN 0-476-01614-2
- Stocker, M. (2005). "'A Very Satisfactory Series': The 1933 New Zealand Coinage Designs". En British Numismatic Journal. Vol. 75. Páxinas 142-160..
- Stocker, M. (2011). "Completing the Change: The New Zealand Coin Reverses of 1940". En British Numismatic Journal. Vol. 81. Páxinas 201-222.