Saltar ao contido

Coroa de Waitangi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coroa de Waitangi [1][2]






A/: Busto coroado de Xurxo V cara á esquerda, con lenda arredor.

Lendas: GEORGE V KING EMPEROR

R/: Aperta de mans entre o xefe maorí Tāmati Wāka Nene e o británico William Hobson. Coroa na parte superior.

Lendas: NEW ZEALAND CROWN / WAITANGI

A coroa de Waitangi é unha moeda de prata con ese valor facial, equivalente a cinco xilins, cuñada en 1935 pola Royal Mint de Londres para o Dominio de Nova Zelandia, en conmemoración da sinatura en 1840 do Tratado de Waitangi, considerado adoito como o documento constitucional fundacional de Nova Zelandia.

Trátase da primeira moeda de cinco xilins emitida baixo o sistema da libra neozelandesa e a primeira moeda do país cuñada principalmente para os coleccionistas numismáticos.

Logo do rexeitamento dos deseños de James Berry e George Kruger Gray, o deseñador da Royal Mint Percy Metcalfe —que tamén deseñara o busto de Xurxo V no anverso da moeda— recibiu a encarga de ocuparse igualmente do reverso. Os desacordos no deseño entorpeceron a produción da coroa, e só se cuñou unha pequena tiraxe de 1.128 exemplares (incluídas 468 probas), que se distribuíron aos coleccionistas.

Esta moeda, do mesmo xeito que a media coroa do centenario, de 1940, foi cuñada en prata procedente da mina Martha, na Illa Norte.[3]

Malia a escasa cobertura dos medios de comunicación no momento do seu lanzamento e a falta de interese xeral polo coleccionismo de moedas durante as secuelas económicas da Gran Depresión, co tempo esta moeda converteuse nun obxecto de colección moi cobizado entre as moedas de Nova Zelandia. O seu prezo habitual no mercado numismático rolda os milleiros de euros, en función do estado de conservación, mais un exemplar emitido como proba e nunhas condicións excelentes chegou a alcanzar superar nunha poxa os 70.000 dólares, converténdose así na moeda neozelandesa máis cara xamais vendida.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Tratado de Waitangi.
Dous dos sinantes do Tratado de Waitangi
Xefe Tāmati Wāka Nene, por Gottfried Lindauer (1890).[4]
William Hobson, por James Ingram McDonald (1913)[5]

O Tratado de Waitangi foi un acordo asinado en 1840 firmado na Baía das Illas entre varios xefes maorís, entre eles Tāmati Wāka Nene, e o representante británico William Hobson. Logo da anterior Declaración de Independencia de Nova Zelandia, o tratado estableceu a soberanía da Coroa Británica sobre Nova Zelandia como unha parte de Nova Gales do Sur, xunto co recoñecemento da autonomía e de certos dereitos territoriais para os maorís.[6] Este tratado, malia non ser directamente executable, converteuse nun documento constitucional para Nova Zelandia e para a relación entre maorís e os pākehā.[7]

Aínda que no seu período inicial de colonización se utilizaron varias moedas de prata estranxeiras, as moedas de prata británicas pasaron a ser dominantes na circulación tras a confirmación da libra esterlina como única moeda de curso legal en 1858, xunto con varias fichas de cobre emitidas xeito local.[8] Ademais, malia non ter sido nunca unha moeda de curso legal, a introdución da libra australiana provocou a circulación ocasional de moedas australianas, acelerada pola Gran Depresión. En 1931, estimábase que entre o 30 % e o 40 % das moedas en circulación en Nova Zelandia eran australianas. A desvalorización da libra neozelandesa en relación coa libra esterlina deu orixe a un contrabando masivo de divisas e escaseza de moedas.[9]

A Lei da Moeda de 1933 permitiu a emisión de moedas no novo sistema da libra neozelandesa, e estableceu especificacións de peso e pureza da aliaxe para seis moedas de prata do novo sistema, fixada nun 50 % de prata en peso.[10] Aínda que a coroa estaba entre os valores nominais previstos nesta lei, a Royal Mint limitouse inicialmente á cuñaxe das moedas dos valores nominais máis pequenos durante 1933 e 1934. De feito, non non se propuxo ningún deseño para unha moeda dunha coroa durante o proceso de selección inicial, aínda que si que se chegou a definir para emisións futuras a coroa como unha moeda cun diámetro de 1,525 polgadas e un peso de 28,27 gramos.[11] Do mesmo xeito que outras moedas de prata de Nova Zelandia, o canto desta moeda sería estriado.[12]

Todos os deseños de anverso da serie neozelandesa utilizaron un retrato de Xurxo V coroado, que fora deseñado por Percy Metcalfe inicialmente para o seu uso na libra de Rodesia do Sur. Este novo retrato foi unha adaptación a partir doutro máis antigo cerado polo artista Bertram Mackennal, que aparece noutras moedas coloniais británicas.[13]

O ministro de Finanzas, Gordon Coates, en 1931.[14]

A Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia desempeñou un papel importante nos deseños da serie de moedas de 1933, xa que varios dos seus membros formaban parte do Comité de Cuñaxe, organizado polo ministro de Finanzas, Gordon Coates, co fin de loitar polo control dos deseños do Comité Asesor da Royal Mint e do seu subdirector, Robert Johnson.[13]

O artista da Royal Mint George Kruger Gray traballou coas propostas do Comité de Cuñaxe durante as derradeiras etapas do proceso de deseño.[15] Allan Sutherland, secretario honorario da Sociedade Numismática e o su representante ante o Comité de Cuñaxe, propúxolle por primeira vez ao secretario do Tesouro, Alexander Dallas Park, unha emisión de coroa conmemorativa en outubro de 1933, durante as etapas finais da produción da emisión inicial de moedas menores. Sutherland citou o precedente das emisións conmemorativas da coroa esterlina, ademais de posibles beneficios gobernamentais. Propuxo unha emisión de polo menos 10.000 exemplares destinados ao coleccionismo, tendo en conta o apreciable aumento da demanda dos coleccionistas cara a unha moeda que acababa de ser introducida, como a libra neozelandesa.[16]

O Goberno amosouse receptivo coa proposta e informou a Sociedade Numismática en xaneiro de 1934 da súa intención de producir unha moeda deste tipo para conmemorar o Tratado de Waitangi. O numismático Allan Sutherland e o presidente da Sociedade, John Rankine Brown, desaprobaron a elección do tema, ao creren que o vindeiro centenario do tratado en 1940 sería máis acaído para tal conmemoración.[17] O ministro de Finanzas, Gordon Coates, anunciou publicamente a moeda no xornal Auckland Star o 7 de febreiro, logo das primeiras celebracións oficiais do Día de Waitangi. Neste anuncio describíase unha versión anterior do deseño, finalmente non adoptada, que presentaba a varios misioneiros —entre eles o reverendo Henry Williams— xunto a Tāmati Wāka Nene e William Hobson. Tamén se anunciaba incorrectamente nesta declaración que do deseño inicial se ocuparía Kruger Gray, cando realmente isto xa se lle encomendara ao artista local George James Berry.[16][18]

Modelo en escaiola de Kruger Gray a partir dun esbozo de Berry, co erro ortográfico "Witangi".[19]

Propostas iniciais de James Berry

[editar | editar a fonte]

Os esbozos de Berry foron encargados como proxectos para que os deseñadores da Royal Mint traballasen sobre eles. Como fonte de inspiración para o reverso utilizouse un baixorrelevo da base do monumento á Raíña Vitoria en Wellington, que logo foi reproducido no reverso do billete de dez xilins. Sutherland suxeriu que isto permitiría a exhibición de varias figuras, mais sen sobrecargar o deseño.[16]

Outro dos deseños propostos Berry foi modelado posteriormente en escaiola por Kruger Gray, e amosaba a aperta de mans entre Hobson e Wāka Nene, coa inscrición WITANGI mal escrita, encima da escena. Estes deseños non foron do agrado da Royal Mint, que os descartou.[16]

Deseño final de Percy Metcalfe

[editar | editar a fonte]

Por recomendación do escultor galés Goscombe John, finalmente encomendóuselle ao autor do anverso, Percy Metcalfe, que modelase ambas as faces da moeda. Metcalfe deseñara tamén previamente unha serie de modelos finalmente rexeitados para as emisións das moedas menores, en 1933.[13] En xullo de 1934, seis semanas despois de que o deseño de Berry fora rexeitado, Percy Metcalfe presentou fotografías doutro modelo a unha Royal Mint que se amosaba moi receptiva.[16]

Un relevo de John Flaxman inspirou a escena do reverso da coroa de Waitangi.[20]

É probable que este deseño estivese inspirado no traballo de James Berry, quen anteriormente xa mencionara un deseño alternativo que presentaba as dúas figuras de pé debaixo dunha coroa. Outra inspiración foi un relevo do escultor británico do século XVIII John Flaxman, con Mercurio unindo as mans de Gran Bretaña e de Francia. O deseño de Metcalfe presentaba a Wāka Nene envolto nunha capa, vestindo e sostendo unha taiaha, e apertando a man de William Hobson debaixo dunha coroa real. De xeito diferente a deseños posteriores, Nene carece de tatuaxes faciais neste modelo inicial. Metcalfe e Robert Johnson estaban relativamente pouco familiarizados co material orixinal. Inicialmente, Johnson non sabía nin sequera se o Capitán Hobson debía ser representado con barba ou ben afeitado. A pesar de que os prazos de produción se estenderon ata finais de 1934, o modelo levaba a data de 1933, en liña coas outras moedas da serie inicial.[16]

A Royal Mint deulle a Metcalfe algunhas pequenas suxestións, sinaladamente relacionadas co uniforme de Hobson, mais o ministro Gordon Coates decidiu paralizar os traballos no deseño a principios de setembro de 1934. En novembro, Coates alertou a Royal Mint acerca dos problemas xurdidos coa modelaxe das extremidades e coa roupa de Nene: pediu o refinamento dos membros do xefe cara a unha posición menos ríxida, xa que os consideraba mal formados; ademais, suxeriu que se reducise o motivo da coroa e que se substituíse a capa de Nene por un traxe co peito descuberto e cun piupiu. Coates describiu os rostros das figuras deste xeito: "ningún deles [...] ten semellanza ningunha coas personalidades que se pretende representar".[16]

Sen ser coñecedor das valoracións de Coates aos deseños da moeda, Metcalfe continuou a traballar neles. O seu segundo modelo, datado xa en 1934, resolveu varios dos problemas, xa que se substituíu a capa de Nene polo piupiu, as súas extremidades apareceron máis refinadas e os pantalóns de Hobson tamén se amosaban modificados. Máis tarde, alertado das propostas de Coates, Metcalfe sentiuse frustrado e afirmou que só reduciría o tamaño da coroa real se se lle obrigase a facelo. O 28 de novembro, Coates enviou unha segunda comunicación, na que describía as extremidades e as mans de Nene como non maorís. Robert Johnson, decepcionado, respondeulle ao respecto a outro membro do Comité de Cuñaxe: "Non teño idea [...] de que xeito as extremidades e o tamaño das mans maorís difiren dos dos seres humanos comúns e correntes".[16]

Metcalfe, que tiña previsto visitar Iraq para modelar a imaxe do rei Ghazi para as moedas locais, apresurou durante as seguintes semanas unha remodelación da moeda. Accedendo á demanda de Coates dunha coroa máis pequena, alterou aínda máis as extremidades e a vestimenta de Nene. Este redeseño foi ben recibido polo comité con sede en Nova Zelandia e, en maio de 1935, producíronse algúns espécimes de proba das moedas. Logo de os examinar, Coates amosouse aínda decepcionado polas pernas das figuras e solicitou novas revisións. En xullo de 1935, Metcalfe completou a revisión final da moeda, que foi aprobada por Coates. Ergueuse o piupiu do xefe Nene para que terminase nos xeonllos, remodeláronse as súas pernas e aumentouse o tamaño da coroa como un compromiso entre revisións anteriores. Metcalfe, ao visitar a liña de produción da Casa da Moeda en agosto de 1935, expresou o seu desgusto polo deseño final.[16]

Lanzamento e distribución

[editar | editar a fonte]

A coroa de Waitangi distribuíuse aos coleccionistas en tres formatos: como moeda con acabamento estándar, como moeda con acabamento proof —un puído especial, con fondo espello e relevo mate— e formando parte dun xogo de todas as moedas de 1935, tamén con acabamento proof. En total producíronse na Royal Mint de Londres 1.128 moedas dunha coroa, entre as tres versións. Aínda que a maioría se enviou a Nova Zelandia, a Alta Comisión de Nova Zelandia vendeu algunhas a coleccionistas directamente en Londres. O primeiro pedido de pezas dunha coroa partiu cara a Nova Zelandia dentro de bolsas da Royal Mint non aseguradas, sen lle aplicar ningún tipo de protección especial ao envío, o que provocou raias e marcas en moitos exemplares. As queixas da Alta Comisión a este respecto foron desestimadas polos responsables da Real Casa da Moeda, que alegaron que non foran informados de que as coroas estaban destinadas a coleccionistas.[21]

O propietario da Bolsa de Moedas de Nova Zelandia, H. G. Williams, comentáballe ao secretario do Tesouro, A. D. Park, nunha carta datada o 7 de febreiro de 1936.[16]

Sorprendeume descubrir que as coroas estaban dispostas en paquetes de 20 pezas sen sequera un anaco de papel entre cada moeda para evitar que se rozasen entre elas. Estas moedas fixéronse especialmente para o uso de coleccionistas e foron probadas para ese propósito, e fíxose un cargo extra do 50 %. Revisei coidadosamente as 200 que teño e non podo achar unha soa peza que un coleccionista avanzado colocase con gusto no seu gabinete.

As moedas puxéronse á venda ao prezo de sete xilins e seis peniques en Nova Zelandia. Os xogos da serie completa en versión proof vendíase por dezaoito xilins e seis peniques nunha presentación en caixa de cartón, ou por vinte e cinco xilins en estoxo de coiro. Estes prezos resultaban altos na conxuntura dos derradeiros anos da Gran Depresión, e a numismática era unha afección relativamente exclusiva na Nova Zelandia dese período.[21]

Popularidade e coleccionismo

[editar | editar a fonte]

A repercusión na prensa foi moi discreta; só un artigo xornalístico se fixo eco da emisión da moeda. Produciuse unha apatía xeral e unha falta de interese da poboación cara a esta emisión, en contraste cunha demanda pública moito maior en 1940, co lanzamento da media coroa do Centenario.[16]

Así e todo, a demanda e, conseguintemente, o prezo da coroa de Waitangi foron aumentaron paseniño durante as décadas posteriores ao seu lanzamento comercial inicial. En 1960, estimábase que un exemplar valía só 30 libras neozelandesas, aínda que a previsión inicial era que aumentase máis no futuro.[22] No mercado numismático actual, estas moedas véndense habitualmente por milleiros de dólares cada exemplar, aínda que os seus prezos varían considerablemente en función do seu estado de conservación.[23] Un espécime resultado da escasísima cuñaxe de probas da moeda en 1935, co deseño da coroa real máis pequena, clasificado como MS64 pola compañía certificadora Numismatic Guaranty Company (NGC),[24] chegou a acadar os 72.000 dólares estadounidenses nunha poxa da compañía de poxas numismáticas Heritage Auctions en 2021, o que a converteu na moeda máis cara de Nova Zelandia.[25] O outro único exemplar coñecido desta cuñaxe en proba está conservado no Banco da Reserva de Nova Zelandia.[16]

  1. "1 Crown - George V Waitangi". Numista.com
  2. "Proof Coin - Crown (5 Shillings), New Zealand, 1935". Collections.museumsvictoria.com.au
  3. "Minting of Crowns". En Wanganui Chronicle. 11 de outubro de 1948. Páxina 4.
  4. "Tamati Waka Nene". Auckland Art Gallery Toi o Tāmaki (indaueronline.co.nz).
  5. "Captain William Hobson 1913]". National Library Wellington (natlib.govt.nz).
  6. King, M. (2003). Penguin History of New Zealand. Auckland: Penguin Books. Páxinas 151-167. ISBN 9781742288260
  7. "Te Tiriti o Waitangi – Treaty of Waitangi". New Zealand Ministry of Justice (Justice.govt.nz).
  8. Matthews, K. (2003).
  9. Hargreaves, R. P. (1972).
  10. An act to make Provision with respect to Currency, Coinage, and Legal Tender in New Zealand (Coinage Act. 1933). New Zealand Acts As Enacted (nzlii.org).
  11. Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En An Encyclopaedia of New Zealand.
  12. "Proof Coin - Crown (5 Shillings), New Zealand, 1935". Museums Victoria.
  13. 13,0 13,1 13,2 Stocker, M. (2005).
  14. "Joseph Gordon Coates". National Library Wellington (Natlib.govt.nz).
  15. Johnson, R. A. (1934). Sixty-Fourth Annual Report of the Deputy Master and Comptroller of the Royal Mint - 1933. Vol. 64. His Majesty's Stationery Office, Londres. Páxinas 6-8.
  16. 16,00 16,01 16,02 16,03 16,04 16,05 16,06 16,07 16,08 16,09 16,10 16,11 Stocker, M. (2010).
  17. Johnson, R. A. (1934). Sixty-Fourth Annual Report of the Deputy Master and Comptroller of the Royal Mint - 1933. Vol. 64. His Majesty's Stationery Office, Londres. Páxinas 6-8.
  18. "Waitangi Emblem. New Five-Shilling Piece". En Auckland Star. 7 de febreiro de 1934. Páxina 9.
  19. Stocker, M. (2010). Páxina 180.
  20. "Mercury Joining the Hands of Britain and France". Art Institute Chicago (artic.edu).
  21. 21,0 21,1 Humble, M. (1992). "The Waitangi Proof Set Revisited". En New Zealand Numismatic Journal (70). Páxinas 13-17.
  22. "N.Z. Waitangi Crown 1935". En New Zealand Numismatic Journal. 10 (1). Páxinas 291-292.
  23. Cuhaj, G. S. (2014). Páxina 1.633.
  24. "New Zealand: George V silver Pattern "Waitangi" Crown 1935 MS64 NGC". Heritage Auctions (Coins.ha.com).
  25. Howie, C. (2021). "Auction house's record sale for 85-year-old Kiwi coin". En New Zealand Herald. 27 de marzo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]