Florín neozelandés
Florín neozelandés
Xurxo V (1910-1936)[1] | |
---|---|
A/: Busto coroado de Xurxo V cara á esquerda, con lenda arredor.
Lendas: GEORGE V KING EMPEROR |
R/: Kiwi cara á esquerda petiscando no chan. Lenda, valor facial, data e marca de gravador (KG).
Lendas: NEW ZEALAND / ONE FLORIN |
|
O florín neozelandés foi unha moeda emitida dentro do sistema da libra neozelandesa entre 1933 e 1965, cun valor equivalente a dous xilins ou vinte e catro peniques, caracterizada pola representación do busto real no anverso e un kiwi no reverso.
Esta moeda introduciuse en 1933 como parte da primeira emisión de moedas de libra neozelandesa, por mor da escaseza de moedas de prata británicas en circulación resultante da desvalorización da moeda local con respecto á libra esterlina.
O longo proceso de deseño prolongouse aínda máis debido ás diferenzas entre os motivos propostos pola Real Casa da Moeda de Londres, que apoiaba un reverso con barcos heráldicos, e o deseño do kiwi proposto polo Comité de Cuñaxe designado polo ministro Gordon Coates. Este desacordo deu lugar a case unha ducia de propostas de deseño e revisións antes da entrada en produción da versión definitiva, que se puxo en circulación en febreiro de 1934.
Inicialmente cuñada en prata pola Royal Mint de Londres, para substituír o florín imperial anteriormente en uso, pasou a producirse en aliaxe de cuproníquel a partir de 1947, debido ao aumento dos prezos dos metais preciosos. Aínda que se propuxo como base dunha emisión de moeda decimalizada en Nova Zelandia desde a década de 1930, o florín foi finalmente abolido en 1967, cando se introduciu o dólar neozelandés como nova moeda decimal. Os floríns seguiron a ser de curso legal, cunha equivalencia de 20 centavos de dólar, ata o 31 de outubro de 2006.[2]
Antecedentes e contexto
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Moedas da libra neozelandesa.
O florín británico, ou moeda de dous xilins, era unha moeda de prata de gran tamaño que entrou en circulación por primeira vez baixo o reinado de Vitoria en 1849.[3] Comezou a circular en Nova Zelandia a mediados do século XIX, xunto con outras moedas de prata, entre elas moedas estadounidenses, españolas, francesas e neerlandesas, e con outras moedas de prata británicas. A proporción de prata británica en circulación en Nova Zelandia aumentou considerablemente logo da confirmación da libra esterlina como única moeda de curso legal alí, en 1858.[4]
Australia comezou a emitir as súas propias moedas en 1910, e entre elas estaba presente o florín australiano. A circulación xeneralizada de moedas de prata australianas en Nova Zelandia comezou en 1930, cando Australia desvalorizou a libra australiana con respecto á libra esterlina. Daquela, grandes cantidades da moeda australiana desvalorizada empezaron a inundar Nova Zelandia, ata chegar a constituír entre o 30 % e o 40 % de toda a moeda en circulación a principios de 1933. As moedas de prata falsificadas, sinaladamente floríns británicos e australianos —por seren as maiores moedas de prata en circulación ordinaria—, fixéronse tamén comúns en todo o país.[6]
Pola súa banda, Nova Zelandia desvalorizou a libra neozelandesa en 1933, o que provocou un contrabando masivo de moedas de prata a Gran Bretaña e a outros territorios coloniais. Tras varias décadas de propostas, o Goberno neozelandés emprendeu a creación dunha moeda nacional ese mesmo ano.[6][7] A Lei da Moeda de 1933 definiu o florín neozelandés como unha moeda de prata de 11,31 gramos, cuñada en aliaxe de prata de 500 milésimas.[8] De xeito diferente á cuñaxe australiana, o florín non era a maior das moedas neozelandesas na circulación ordinaria, xa que se producía tamén a moeda de media coroa neozelandesa, cun valor de 2½ xilins.[9]
Aínda que as empresas nacionais se ofreceron para producir a moeda, o Goberno neozelandés considerou que as instalacións nacionais non eran suficientes para a produción en masa, e contratou a Royal Mint de Londres para a súa cuñaxe.[6]
Deseño
[editar | editar a fonte]Todos os anversos das moedas da serie inicial emitida en 1933 presentaban un busto coroado de Xurxo V (1910-1936) que previamente deseñara Percy Metcalfe para o seu uso na libra de Rodesia do Sur. Este busto estaba baseado nun anterior do escultor australiano Bertram Mackennal, utilizado igualmente na moeda doutras colonias e dominios británicos.[7][11]
Pola súa banda, os deseños do reverso foron froito da colaboración entre a Royal Mint de Londres e o Goberno de Nova Zelandia. O subdirector da ceca real británica, Robert Johnson, inspirado polos deseños de Percy Metcalfe de 1928 para as moedas do Estado Libre Irlandés, suxeriu o uso de aves locais como motivos principais do deseño dos reversos, xunto con elementos do escudo de armas de Nova Zelandia para as moedas de valores faciais máis altos.[7][11]
Fixéronse consultas a artistas locais e aos membros da Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia durante todo o proceso de deseño, mais finalmente encomendóuselles aos deseñadores británicos a creación dunha proposta inicial de deseños, malia as peticións das sociedades artísticas locais para que as moedas fosen de produción nacional. Os ingleses Percy Metcalfe e George Kruger Gray eran artistas experimentados que xa deseñaran moedas para outros dominios e colonias británicos, e a eles encargóuselles que presentasen os seus propios deseños para cada unha das cinco moedas que inicialmente se pretendía cuñar en prata.[7][11]
Ambos os deseñadores, que nun principio aceptaron a suxestión de Johnson de utilizar motivos heráldicos, presentaron deseños para o florín ao Comité Asesor da Royal Mint, composto por varios artistas e heraldistas británicos, así como por varios ministros neozelandeses. O deseño inicial de Kruger Gray presentaba un león heráldico sostendo unha Union Jack —utilizada naquela época como escudo real de Nova Zelandia— rodeada dun deseño ondulante inspirado no gravado tradicional maorí (whakairo). Metcalfe presentou dous deseños: o primeiro presentaba o vélaro de ouro coas armas de Nova Zelandia superposto polas estrelas da Cruz do Sur; o segundo, preferido polo comité, utilizaba as tres galeras heráldicas que figuran nas armas nacionais, dispostas en triángulo, baixo a abreviatura NZ.[14] Logo das deliberacións do Comité Consultivo, encargóuselle a Kruger Gray un novo modelo inspirado no deseño das galeras de Metcalfe. O modelo de Gray propuña unha representacións máis elaborada dos barcos, xunto cunha expresión NEW ZEALAND completa, e xa non con abreviaturas.[13] As iniciais de Kruger Gray, un pequeno acrónimo KG, fixéronse máis pequenas, xa que os asesores da Royal Mint temían que o nome Kruger tivese connotacións locais incómodas co político surafricano Paul Kruger.[7]
Conflito entre os comités de deseño
[editar | editar a fonte]“ | Non podemos servir a dous mestres en Nova Zelandia e creo que alto comisario estará de acordo comigo en que, na nosa última reunión co primeiro ministro e os demais ministros presentes, o primeiro ministro decidiu definitivamente que o Comité estaba a ir alén das súas competencias ao establecer a lei sobre os deseños e que, en calquera caso, a súa decisión era definitiva. — Robert Johnson (Royal Mint), 23 de agosto de 1933.[7] |
” |
O primeiro ministro de Nova Zelandia, George Forbes, tivo un mandato moi débil, e o ministro de Finanzas, Gordon Coates, actuou de facto como primeiro ministro en funcións, especialmente durante as prolongadas estadías de Forbes en Gran Bretaña.[15] En xullo de 1933, Coates nomeou un Comité de Deseño de Moedas, composto por varios artistas locais xunto con membros da Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia. Este novo comité discrepou significativamente dos deseños de moeda aprobados, e describiu os barcos Metcalfe e Kruger Gray previstos para o florín como pouco representativos dos utilizados na historia de Nova Zelandia. No canto deles, o Comité de Deseño solicitou que se utilizase como motivo central do reverso do florín unha representación naturalista do kiwi, que anteriormente aparecía xa, aínda que de xeito menos realista, nunha proposta de Gray para o deseño do xilin. O comité considerou importante que o florín incluíse esa ave nacional de Nova Zelandia, xa que o florín se propuña como a moeda base dun futuro sistema de cuñaxe de carácter decimal. A Kruger Gray non lle gustaron as modificacións solicitadas no deseño do seu kiwi, pero sentiuse alentado cando Robert Johnson lle explicou que o primeiro ministro Forbes seguía desexando utilizar as suxestións de deseño orixinais do Comité Consultivo.[7]
Ao mesmo tempo, Kruger Gray continuou a traballar no deseño que fora aprobado polo Comité Asesor, facendo os barcos máis pequenos e engadindo a denominación TWO SHILLINGS no canto de FLORIN no exergo do reverso.[17] Coates púxose en contacto coa Royal Mint, para reiterar a petición de novos deseños, xunto con outras especificacións para diversas cuñaxes. En agosto, o Comité Consultivo decidiu seguir adiante cos deseños orixinais, alegando a urxente necesidade de cuñar moeda nacional e o atraso que causaría calquera redeseño. A posibilidade de que a emisión dos redeseños se pospuxese ata 1934 propúxose nun borrador de telegrama a Coates. En privado, o Comité Consultivo pretendía demoralo ata o regreso de Forbes a Nova Zelandia o 20 de setembro, tras o cal Coates perdería os poderes ministeriais en funcións e podería seguir traballando nos deseños orixinais. Pola contra, Forbes acabou cedendo ante Coates e ante o Comité de Deseño de Moedas ao su regreso a Nova Zelandia, e avisou a Royal Mint a principios de outubro da súa decisión de continuar cos deseños revisados. Daquela, Kruger Gray descartou a súa proposta inicial dos tres barcos e pasou a centrarse no novo deseño do kiwi.[7]
Nun principio, a Royal Mint planeara transferir directamente ao florín o deseño inicialmente concibido para o xilin, conservando os motivos tradicionais maorís para manter a coherencia coa media coroa. Coates rexeitou esta proposta e escribiu ao respecto:[7]
“ | O deseño do kiwi suxerido orixinalmente pola Real Casa da Moeda para o xilin [...] non é aceptable. Á espera de que vostede reciba os esbozos, consulte [...] [o libro] "Oliver's New Zealand Birds" [...] A ornamentación maorí débese eliminar. | ” |
O kiwi "piña" da primeira proposta foi substituído por unha representación naturalista base ada nun kiwi pardo da illa do Norte tomado da obra de referencia ornitolóxica de Walter Oliver. Este paxaro ollaba cara á esquerda e coa cabeza inclinada, e engadiuse unha liña do horizonte no relevo, así como a palabra FLORIN, que volveu a ser a denominación inscrita na moeda. Johnson non estivo de acordo coa colocación das iniciais de Kruger Gray. Ademais, escribiu que o deseño parecía como se o kiwi "sufrise unha necesidade tan violenta de defecar que tería expulsado a boliña con considerable violencia", e suxeriulle a Kruger Gray que colocase un fento na parte posterior do kiwi para minimizar este efecto. No canto disto, Kruger Gray decidiu limitarse a reducir as súas iniciais e desprazounas cara ao canto da moeda, en liña coa data.[7]
Malia as importantes demoras, o traballo sobre a moeda continuou ata novembro de 1933. A Royal Mint impacientábase coa continua intervención de Coates no proceso de deseño, e este enviou á ceca real británica un esbozo "grotesco" dun kiwi, que foi ignorado en favor da representación da proposta de Gray.[7]
Produción e acollemento
[editar | editar a fonte]As moedas entraron en produción en Londres en 1934, e os primeiros floríns entraron no país en Wellington o 17 de febreiro dese ano. A pesar dos atrasos, as moedas levaban inscrita a data de 1933. O deseño do reverso do florín non se modificaría ata a decimalización do sistema monetario neozelandés en 1967, e no seu anverso sucedéronse as representacións dos monarcas británicos reinantes que aparecían en todas as demais moedas neozelandesas: Xurxo VI (1936-1952) —deseñado por Thomas Humphrey Paget—[19] e Isabel II (1952-2022) —deseñado por Mary Gillick—.[20] Preparáronse tamén matrices para os cuños das moedas de Eduardo VIII (1936), mais logo da súa abdicación destruíronse antes de que puidese cuñarse moeda ningunha.[6]
O novo florín fíxose popular entre a poboación neozelandesa.[7] O etnólogo Johannes Andersen describiu o florín como particularmente ben deseñado, coas plumas peludas e as sedas do kiwi representadas fielmente; no entanto, suxeriu que o fondo horizontal non era evidente no deseño, e que debería ser punteado para producir un efecto máis pronunciado.[21]
Tiraxes
[editar | editar a fonte]A tiraxe inicial de 2.100.000 floríns de 1933 foi seguida por outros 2.850.000 exemplares en 1934, pero as cantidades descenderon de súpeto a só uns centos de miles nos anos seguintes. Tras a produción de 1.200.000 floríns co ascenso de Xurxo VI ao trono en 1937, non se cuñou ningún florín en 1938 e 1939. Posteriormente, as cuñaxes alternaron constantemente entre cen mil e varios millóns, ademais dun período de sete anos, de 1954 a 1960, no que non se cuñou ningún florín. En 1933 comezaron as emisións con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— para coleccionistas, en paralelo á emisión ordinaria. Inicialmente estas cuñaxes tiveron tiraxes extremadamente pequenas, aínda que o seu número aumentou durante as décadas seguintes.[22]
De xeito diferente a Australia, non se produciron emisións conmemorativas do florín, xa que Nova Zelandia escolleu para este tipo de emisións as moedas de media coroa e dunha coroa, de tamaño superior. Por mor dos elevados prezos da prata nos anos posteriores á segunda guerra mundial, as moedas neozelandesas que ata ese momento foran de prata, entre elas o florín, pasaron a cuñarse cunha aliaxe de cuproníquel a partir de 1947. Moitas das moedas de prata foron retiradas da circulación e fundidas polos bancos. Aínda que inicialmente se propuxo como base dun sistema monetario de carácter decimal, o florín neozelandés aboliuse en 1967 coa instauración do novo sistema do dólar neozelandés.[6]
Monarca | Ano de emisión | Moedas cuñadas |
---|---|---|
Xurxo V (1910-1936) [1] |
1933 | 2.100.000 |
1934 | 2.850.000 | |
1935 | 755.000 | |
1936 | 150.000 | |
Xurxo VI (1936-1952) [19] |
1937 | 1.190.000 |
1938 | 0 | |
1939 | 0 | |
1940 | 500.000 | |
1941 | 820.000 | |
1942 | 150.000 | |
1943 | 1.400.000 | |
1944 | 140.000 | |
1945 | 515.000 | |
1946 | 1.200.000 | |
1947 | 2.500.000 | |
1948 | 1.750.000 | |
1949 | 3.500 | |
1950 | 3.500.000 | |
1951 | 2.000.000 | |
1952 | 0 | |
Isabel II (1952-2022) [20] |
1953 | 250.000 |
1954 | 0 | |
1955 | 0 | |
1956 | 0 | |
1957 | 0 | |
1958 | 0 | |
1959 | 0 | |
1960 | 0 | |
1961 | 1.500.000 | |
1962 | 1.500.000 | |
1963 | 2.000.000 | |
1964 | 2.000.000 | |
1965 | 9.450.000 | |
Total | 41.723.500 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "1 Florin - George V". Numista.com
- ↑ "The history of New Zealand coins". Reserve Bank of New Zealand (RNBZ.govt.nz).
- ↑ "Demise of the florin". Royal Mint Museum (Royalmintmuseum.org.uk).
- ↑ Matthews, K. (2003). Páxinas 40-49.
- ↑ "1 Florin - Victoria 2nd portrait". Numista.com
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 141-160.
- ↑ 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 7,11 7,12 Stocker, M. (2004). Páxina 12.
- ↑ "An act to make Provision with respect to Currency, Coinage, and Legal Tender in New Zealand (Coinage Act 1933)". New Zealand Acts As Enacted (nzlii.org).
- ↑ Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En An Encyclopaedia of New Zealand.
- ↑ "Joseph Gordon Coates". National Library Wellington (Natlib.govt.nz).
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Johnson, R. A. (1934). Sixty-Fourth Annual Report of the Deputy Master and Comptroller of the Royal Mint. 1933. His Majesty's Stationery Office, Londres. Páxinas 6-8.
- ↑ Stocker, M. (2004). Páxina 11.
- ↑ 13,0 13,1 Stocker, M. (2004). Páxina 15.
- ↑ Stocker, M. (2004). Páxina 11.
- ↑ Gardner, W. J. (1996). "Forbes, George William". En Dictionary of New Zealand Biography (Teara.govt.nz).
- ↑ "1 Shilling - George V Kiwi Shilling; pattern". Numista.com
- ↑ Stocker, M. (2004). Páxina 19.
- ↑ Keulemans, J. G. (1888). "North-Island kiwi. Apteryx Bulleri". En Buller, W. L. A History of the Birds of New Zealand (2ª ed.). Lámina XLVII. Londres.
- ↑ 19,0 19,1 "1 Florin - George VI 1st type" / "2nd type" / "3rd type". Numista.com
- ↑ 20,0 20,1 "1 Florin - Elizabeth II". Numista.com
- ↑ Andersen, J. C. (30 April 1934). "'Warlike Shilling': Experts Criticize New Zealand Coins". En Dominion. Páxina 8.
- ↑ Cuhaj, G. S. (2014). Páxina 1633.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuhaj, G. S. (2014). Standard Catalog of World Coins - 1901-2000 (41ª ed.). Krause Publications. ISBN 978-1440235672
- Hargreaves, R. P. (1972). From Beads to Banknotes. The Story of Money in New Zealands. John McIndoe, Dunedin. Páxinas 141-160.
- Matthews, K. (2003). "The Legal History of Money in New Zealand". En Reserve Bank of New Zealand Bulletin. Vol. 66. Nº 1. Páxinas 40-49.
- Stocker, M. (2004). The Numismatic Birth of the Dominion’ The 1933 New Zealand Coinage Designs. Royal Numismatic Society of New Zealand, Wellington. ISBN 0-476-01614-2
- Stocker, M. (2005). "'A Very Satisfactory Series': The 1933 New Zealand Coinage Designs". En British Numismatic Journal. Vol. 75. Páxinas 142-160.