Saltar ao contido

Medio penique neozelandés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio penique neozelandés

Xurxo VI (1936-1952)[1]







A/: Cabeza de Xurxo VI cara á esquerda, con lenda arredor. Marca de gravador (HP).

Lendas:

  • (190-1947): GEORGE V KING EMPEROR
  • (1949-1952): KING GEORGE THE SIXTH
R/: Colgante tradicional hei-tiki con ornamentos maorís a cvada beira. Lenda, valor facial e data.

Lendas: NEW ZEALAND / HALF PENNY

A moeda dun penique neozelandés é unha moeda de bronce cuñada entre 1940 e 1965 con ese valor facial, equivalente a 1⁄480 da libra ou 1⁄120 da coroa neozelandesa.

O medio penique emitiuse por primeira vez para Nova Zelandia en 1940, sete anos despois da primeira emisión de moedas da libra neozelandesa. O lanzamento do medio penique programouse para coincidir co centenario da sinatura do Tratado de Waitangi e o centenario de Nova Zelandia, xunto coa moeda dun penique e a de media coroa conmemorativa deses eventos.

No seu anverso aparece o retrato estándar do monarca reinante, común ao resto da serie de moedas do sistema, en tanto que o reverso amosa como motivo principal un colgante hei-tiki ornamentado e tallas de madeira kowhaiwhai simplificadas. Este reverso foi deseñado polo artista neozelandés Leonard Cornwall Mitchell e logo modelado polo gravador da Royal Mint Percy Metcalfe.

A moeda de medio penique deixou de cuñarse, xunto co resto das moedas do sistema da libra neozelandesa, logo da decimalización de 1967, coa introdución do dólar neozelandés, dividido en cen centavos.

Antecedentes e contexto

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Moedas da libra neozelandesa.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

O medio penique era a segunda moeda co valor facial da libra esterlina británica que circulaba en Nova Zelandia, xa que tiña por baixo a dun cuarto de penique, coñecida como farthing. Aínda que a libra esterlina foi confirmada como moeda de curso legal en 1858,[2] en realidade xa viñera sendo a única moeda circulante desde 1847, despois de que varias moedas de países como os Estados Unidos, España, Francia ou os Países Baixos fosen retiradas da circulación no territorio daquela colonia británica.[3]

Ficha comercial privada de ½ penique (1857).[4]

A partir de 1857, a escaseza de moedas de baixo valor facial levou os comerciantes locais a produciren fichas dun penique e de medio penique. Estas fichas constituirían arredor da metade da moeda de cobre en circulación durante as décadas seguintes, e a súa cuñaxe cesou en 1881 tras o aumento da dispoñibilidade da moeda de cobre británica na colonia.[4] As fichas desmonetizáronse oficialmente en 1897.[5]

A repentina afluencia de grandes cantidades de moeda australiana a Nova Zelandia a principios da década de 1930, unida ao desenfreado contrabando de divisas en resposta á desvalorización da moeda neozelandesa con respecto á libra esterlina, impulsou a creación dunha moeda nacional diferenciada en Nova Zelandia.[6] Logo da aprobación da Lei da Moeda en 1933, a moeda de prata do novo sistema da libra neozelandesa empezou a circular nese mesmo ano, pero non se viu daquela a necesidade inmediata de deseñar ou introducir moedas nacionais dun penique e de medio penique, xa que as moedas de cobre británicas seguían a circular como moeda de curso legal.[7][8] O penique e o medio penique, non se introduciron ata 1940; esta última foi a de máis baixo valor facial do sistema, xa que, de xeito diferente ao caso británico, en Nova Zelandia non se produciu o farthing ou moeda dun cuarto de penique.[5]

Proposta de creación da moeda

[editar | editar a fonte]

Un informe gobernamental de 1933 recomendaba o emprego de artistas nacionais para as futuras emisións das moedas da libra neozelandesa. O subdirector da Real Casa da Moeda de Londres, Robert Johnson, escribiulle ao numismático Allan Sutherland logo da posta en circulación da primeira serie de moedas de prata en 1934, e instouno a dedicar un tempo considerable aos deseños do penique e do medio penique, para garantir a súa calidade.[8]

A Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia, aínda que recomendou a mediados de 1934 a rápida introdución das novas moedas nacionais de cobre, non o debateu seriamente ata varios anos despois. En 1936, os seus membros dubidaban se facer presión ou non a favor dunha introdución inminente de peniques e medios peniques debido á posible institución dunha moeda decimalizada, co que a moeda de medio penique sería abolida en favor da peza dun centavo.[9] Tras unha reunión en outubro de 1937, un subcomité de moeda nomeado polo Goberno emitiu unha recomendación para a emisión dun deseño estándar para o penique e para o medio penique, que coincidise co Centenario de Nova Zelandia en 1940.[10]

En xuño de 1938, coa introdución da moeda de prata co retrato de Xurxo VI (1936-1952) realizado por Humphrey Paget, a Sociedade Numismática volveu recomendar a rápida introdución do penique e do medio penique.[11][12] Ese mesmo mes, o ministro de Finanzas, Walter Nash, nomeou un novo comité composto por varios ministros e membros da Sociedade Numismática para estudar deseños para a nova moeda de bronce, xunto cunha emisión conmemorativa de media coroa para o centenario.[11]

Deseño e lanzamento

[editar | editar a fonte]

Concurso de deseño

[editar | editar a fonte]
Colgante tradicional hei-tiki do século XVIII.

A finais de agosto de 1938 convocouse un concurso para os deseños do reverso do penique, do medio penique e da media coroa de prata conmemorativa do Centenario. Ofrecíase como premio a cantidade de 25 libras para o deseño gañador do medio penique, e os artistas candidatos tiñan ata finais de setembro para presentaren as súas propostas mediante esbozos a escala. Presentaron deseños ao concurso arredor dunha vintena de artistas neozelandeses, e tamén se lles deu permiso para participar aos deseñadores británicos da Royal Mint Percy Metcalfe e George Kruger Gray, debido ao seu traballo nas anteriores emisións neozelandesas de prata. Non houbo unha premisa determinante para o deseño do medio penique, agás a obrigatoriedade da inclusión dunha iconografía neozelandesa característica e o texto NEW ZEALAND / HALF PENNY 1940".[13]

O artista e deseñador de selos postais James Berry presentou un deseño para esta moeda simplista, cun fento horizontal como motivo principal.[14] Pola súa banda, Kruger Gray presentou dúas propostas para o medio penique; a primeira presentaba un géyser flanqueado por dous pequenos hei-tiki —colgantes maorís de pedra verde—, e a proposta alternativa incluía a cabeza dun bastón taiaha tradicional.[15] Metcalfe tamén presentou dous deseños para a moeda, ambos con variantes da Cruz do Sur, un deles co Vélaro de Ouro do escudo de Nova Zelandia suspendido da estrela superior.[16]

O medio penique Hei-tiki

[editar | editar a fonte]

Outro artista local, Leonard Cornwall Mitchell, presentou ao concurso do reverso do medio penique un deseño cun colgante hei-tiki adaptado a partir dun reverso que George Kruger Gray propuxera para a moeda de tres peniques en 1933 e que fora rexeitado daquela. En 1933, Allan Sutherland lograra disuadir a Royal Mint de aprobar o deseño do hei-tiki para os tres peniques, debido á idea errónea de que a figura era un amuleto da fertilidade, dado que algunhas fontes da época afirmaban que o símbolo representaba un «falo personificado». No entanto, a opinión de Sutherland sobre aquel deseño foi variando co tempo, ata o punto de chegar a recomendar que se adoptase no futuro para unha nova emisión dos tres peniques, proposta que foi paralizada logo da adopción da figura do hei-tiki para o deseño de medio penique de Mitchell.[17]

Grazas á súa maior familiaridade coa iconografía maorí, Mitchell puido producir unha figura máis precisa, flanqueada por tallas de madeira kowhaiwhai simplificadas. Metcalfe adaptou os esbozos propostos por Mitchell nun modelo de xeso e amosoullo aos membros do Comité Asesor da Royal Mint, que non viran antes os esbozos. Aínda que o Comité Consultivo recomendou eliminar ou reducir o motivo da talla en madeira, a petición urxente do Goberno neozelandés de que a moeda entrase en circulación o máis axiña posible impediu calquera redeseño.[18][19]

O doutor James Elliott foi o encargado de lle entregar á Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia os modelos para o penique, para o medio penique e para a media coroa conmemorativa do centenario, e Johannes Carl Andersen, presidente da Sociedade, gabou decididamente o deseño da moeda de medio penique.[20] Sutherland, aínda suspicaz ante as posibles asociacións fálicas do hei-tiki, escribiu que «o medio penique non é unha moeda popular en Nova Zelandia».[17]

Produción e tiraxes

[editar | editar a fonte]

A moeda foi aprobada a principios de xullo de 1939 e entrou en produción de inmediato.[18][19] Cuñouse na Real Casa da Moeda de Londres, con 25,5 mm de diámetro e 5,67 gramos de peso, inicialmente cunha aliaxe composta por un 95,5 % de cobre, un 1,5 % de cinc e un 3 % de estaño. Mais esta composición modificouse en 1960 para incluír unha cantidade significativamente menor de estaño.[21]

Logo do pasamento de Xurxo VI en 1952, a moeda de medio penique seguiu cuñándose ata 1965 co reverso inalterado e coa efixie no reverso da nova raíña, Isabel II (1952-2022), deseñada por Mary Gillick.[22]

Tiraxes anuais [23]
Monarca Ano de emisión Moedas cuñadas
Xurxo VI
(1936-1952)
[1]
1940 3.432.000
1941 960.000
1942 1.920.000
1943 0
1944 2.035.000
1945 1.516.000
1946 3.120.000
1947 2.726.000
1948 0
1949 1.766.400
1950 2.425.600
1951 3.342.400
1952 2.400.000
Isabel II
(1952-2022)
[22]
1953 720.000
1954 240.000
1955 240.000
1956 1.200.000
1957 1.440.000
1958 1.920.000
1959 1.920.000
1960 2.400.000
1961 2.880.000
1962 2.880.000
1963 1.680.000
1964 2.885.000
1965 5.200.000
Total 51.248.400
  1. 1,0 1,1 "½ Penny - George VI 1st type" / "2nd type". Numista.com
  2. Matthews, K. (2003). Páxinas 41-42.
  3. Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 32.
  4. 4,0 4,1 Cooper, K. (2017). "Makeshift money: Tokens in the Te Papa collection". Museum of New Zealand (tepapa.govt.nz).
  5. 5,0 5,1 Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En An Encyclopaedia of New Zealand. R. E. Owen,Wellington.
  6. Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 143-144.
  7. Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 154-155.
  8. 8,0 8,1 Stocker, M. (2011). Páxinas 204-205.
  9. Stocker, M. (2011). Páxina 205.
  10. Stocker, M. (2011). Páxinas 205-206.
  11. 11,0 11,1 Stocker, M. (2011). Páxina 207.
  12. "Humphrey Paget". The Royal Mint Museum (royalmintmuseum.org.uk).
  13. Stocker, M. (2011). Páxinas 207-208.
  14. Stocker, M. (2011). Páxina 210.
  15. Stocker, M. (2011). Páxinas 210-211.
  16. Stocker, M. (2011). Páxinas 211-212.
  17. 17,0 17,1 Stocker, M. (2011). Páxina 212.
  18. 18,0 18,1 Stocker, M. (2011). Páxinas 211-213.
  19. 19,0 19,1 "Copper Coinage. Distinctive Designs Approved". En The Dominion. 3 de xullo de 1939. Páxina 6.
  20. "New Coins". En The Dominion. 9 de xaneiro de 1940. Páxina 5.
  21. Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 159-160.
  22. 22,0 22,1 "½ Penny - Elizabeth II 1st portrait". Numista.com
  23. Cuhaj, G. S. (2014). Páxinas 1.634-1.635.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cuhaj, G. S. (2014). Standard Catalog of World Coins - 1901-2000 (41ª ed.). Krause Publications. ISBN 978-1440235672
  • Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En An Encyclopaedia of New Zealand. R. E. Owen, Wellington.
  • Hargreaves, R. P. (1972). From Beads to Banknotes. The Story of Money in New Zealands. John McIndoe, Dunedin.
  • Matthews, K. (2003). "The Legal History of Money in New Zealand". En Reserve Bank of New Zealand Bulletin. Vol. 66. Nº 1. Páxinas 40-49.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]