Media coroa neozelandesa
Media coroa neozelandesa
Xurxo V (1933-1936)[1] | |
---|---|
A/: Busto coroado de Xurxo V cara á esquerda, con lenda arredor.
Lendas: GEORGE V KING EMPEROR |
R/: Escudo coroado de Nova Zelandia dentro de ornamento maorí. Lenda arredor e data debaixo, valor facial, data e marca de gravador (KG).
Lendas: NEW ZEALAND / HALF CROWN |
|
A moeda de media coroa neozelandesa foi unha moeda cuñada entre 1933 e 1965 na Royal Mint de Londres para o seu uso en Nova Zelandia.
A media coroa introduciuse en Nova Zelandia por mor da escaseza de moedas de prata británicas similares logo da desvalorización da libra neozelandesa con respecto á libra esterlina. A moeda mide 32 mm de diámetro e equivalía a trinta peniques ou dos xilins e medio, ou un oitavo de libra. Inicialmente cuñouse en prata de 500 milésimas, mais a partir de 1947 pasou a producirse en cuproníquel.
No seu anverso represéntanse, respectivamente, os bustos dos tres monarcas que a emitiron: Xurxo V (1910-1936), Xurxo VI (1936-1952) e Isabel II (1952-2022). O reverso da moeda, invariable, deseñado por George Kruger Gray, amosa o escudo de armas de Nova Zelandia rodeado de tallas de madeira ornamentais maorís.
En 1940 púxose en circulación unha emisión especial conmemorativa do centenario do Tratado de Waitangi.
A moeda de media coroa foi abolida en 1967 en favor das moedas do novo sistema do dólar neozelandés
Antecedentes
[editar | editar a fonte]As moedas británicas de media coroa circularon por primeira vez en Nova Zelandia a principios do século XIX, xunto con outras moedas de prata, non só británicas senón tamén estadounidenses, españolas, francesas e neerlandesas. A libra esterlina británica foi confirmada como moeda de curso legal na illa en 1858,[2] mais en realidade xa viñera sendo a única moeda en circulación desde 1847.[3] Os medios soberanos de ouro, equivalentes en valor a dez xilins, entraron en produción en Australia, na Casa da Moeda de Sydney, na década de 1850 e convertéronse en moeda de curso legal —malia non chegar a selo no propio Reino Unido ata 1864—.[4]
A circulación xeneralizada das moedas de prata australianas en Nova Zelandia comezou en 1930, cando Australia desvalorizou a libra australiana en relación coa libra esterlina. Grandes cantidades da desvalorizada moeda australiana comezaron a inundar daquela Nova Zelandia, chegando a representar entre o 30 % e o 40 % de todas as moedas en circulación a principios de 1933. A falsificación de moedas de prata tamén aumentou durante este período.[5]
Nova Zelandia seguiu desvalorizando a libra neozelandesa en 1933, o que desencadeou un contrabando masivo de moedas de prata a Gran Bretaña e ás súas outras posesións coloniais. Logo de varias décadas de propostas, o Goberno de Nova Zelandia procurou a creación dunha moeda nacional ese mesmo ano.[6] A Lei da moeda de 1933 describiu os pesos e os tamaños das seis denominacións das moedas de prata de Nova Zelandia, definindo o xilin neozelandés como unha moeda cun peso de 5,66 gramos.[7] O xilin valía doce peniques ou medio florín. Aínda que as empresas nacionais se ofreceron a producir as moedas, o Goberno de Nova Zelandia considerou que as instalacións nacionais non eran suficientes para a produción en masa, polo que contratou a Royal Mint, de Londres, para a cuñaxe.[8]
Deseño
[editar | editar a fonte]Os anverso das moedas da emisión inicial, cuñadas entre 1933 e 1935, presentaban un busto coroado de Xurxo V obra do deseñador da Royal Mint Percy Metcalfe, que inicialmente fora creado para o seu uso na moeda dunha libra de Rodesia do Sur. Este busto do monarca estaba baseado noutro busto coroado máis antigo do escultor australiano Bertram Mackennal, utilizado tamén nas moedas doutras colonias e dominios británicos.[9]
Pola súa banda, para escoller o deseño do reverso estableceuse unha colaboración entre o comité asesor da Royal Mint, de Londres, encabezado polo subdirector Robert Johnson, e o Goberno de Nova Zelandia. Tamén se tiveron en conta as opinións de artistas locais e de membros da Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia durante todo o proceso de deseño, pero aos deseñadores británicos encomendóuselles o labor de crear unha serie inicial de deseños, malia as solicitudes das sociedades artísticas locais acerca da arte nacional das moedas. Metcalfe e George Kruger Gray eran artistas experimentados que se encargaran xa previamente do deseño de moedas para outros territorios británicos, e foi neles nos que recaeu a tarefa de presentar unha primeira proposta de deseños, para cada unha das cinco denominacións iniciais de moedas de prata.[9][10]
Tanto Metcalfe como Kruger Gray presentaron modelos de escaiola para a media coroa, en ambos os casos baseados no escudo de armas de Nova Zelandia, e o comité asesor decantouse claramente pola interpretación de Kruger Gray, a quen simplemente se lle requiriu algunha leve modificación na posición do texto. Cun motivo gravado en madeira inspirado nas tallas tradicionais maorís, este deseño foi eloxiado posteriormente pola súa combinación da iconografía pākehā e a maorí.[12] A moeda, xa coa grafía modificada, foi aprobada o 18 de xullo de 1933.[13]
Ante a debilidade amosada polo primeiro ministro de Nova Zelandia George Forbes, o daquela ministro de Finanzas, Gordon Coates, serviu como primeiro ministro interino de facto, especialmente durante as prolongadas estadías de Forbes en Gran Bretaña. En xullo de 1933, Coates nomeou un Comité de Deseño de Moedas, composto por varios artistas locais xunto con membros da Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia.[14] O comité de Coates avogou por unha representación plena do escudo de armas do país no reverso da media coroa, incluídos os elementos accesorios que habitualmente figuran a ambos os lados do escudo e que lle serven de soporte. Mais isto foi considerado inaceptable por Kruger Gray, quen escribiu: "hai demasiado niso para o facer posible e, mesmo se se fixese, o resultado sería moi insatisfactorio tanto desde o punto de vista artístico como desde o práctico".[15] Coates, finalmente, decidiu non demorar máis a fase de deseño e aprobou o proposto por Kruger Gray en agosto, debido á urxencia pola gran escaseza de moedas de prata de alto valor facial. A moeda sería o único dos deseños de Kruger Gray aprobado por Coates sen modificacións substanciais.[16]
O primeiro envío da media coroa, por un valor nominal de 250.000 libras esterlinas, estaba en camiño a Nova Zelandia a principios de novembro. Ao longo dese mes, Coates intentou impulsar a Lei da Moeda de 1933 no Parlamento, autorizando retroactivamente a súa produción e asignándolles ás moedas a condición de curso legal. Malia estenderse o debate parlamentario sobre o deseño das moedas e a necesidade dunha moeda nacional distinta, o proxecto de lei foi aprobado o 27 de novembro. O envío chegou tres semanas despois e púxose en circulación de camiño.[7][18]
Presentación e acollemento
[editar | editar a fonte]Coates deu unha descrición da moeda ao público o 5 de novembro de 1933, e no xornal Auckland Weekly News apareceu dous días despois unha reprodución do seu deseño. No xornal de Wellington The Dominion gabouse a nitidez e o "acabamento exquisito" da moeda, así como a aliaxe cuaternaria utilizada na súa produción.[19] Pola súa banda, o Evening Post presentou unha entrevista co numismático Allan Sutherland na que se describía o proceso de deseño e se eloxiaba este como unha "feliz combinación de características heráldicas e nativas", así como o detalle do anverso de Metcalfe.[20] Malia gabar a moeda na entrevista, Sutherland escribiu noutra ocasión que o deseño do reverso estaba abarrotado.[21]
A omisión na moeda das inscricións DEI GRATIA e FIDEI DEFENSOR entre os títulos do monarca —habituais noutras moedas— foi considerada nalgúns ámbitos como unha expresión de oposición relixiosa. O xornal New Zealand Baptist publicou que esta omisión reflectía as actitudes ateas do Goberno de Nova Zelandia,[21] e a Federación de Xuíces de Nova Zelandia pediu a recuperación dos lemas latinos para as cuñaxes futuras do país. Pola súa banda, o secretario do Tesouro, Alexander Park, informou á prensa de que a omisión fora aprobada polo propio rei e que os outros títulos se eliminaran das moedas de todos os territorio excepto Australia. O político británico John Sandeman Allen levou esta cuestión ao Parlamento de Nova Zelandia durante unha visita a finais de 1934, mais non se tomou medida ningunha para a modificación dos títulos.[22]
Logo do pasamento de Xurxo V en 1936, continuou a emisión da media coroa neozelandesa a nome dos seus sucesores. O deseño do reverso permaneceu inalterado e o do anverso pasou a representar os novos bustos reais, igualmente con lendas en inglés e sen alusións relixiosas. O busto de Xurxo VI foi obra de Thomas Humphrey Paget,[23] en tanto que o de Isabel II foi deseñado por Mary Gillik.[24]
Emisión conmemorativa do centenario
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Media coroa do Centenario de Nova Zelandia.
A primeira moeda conmemorativa emitida en Nova Zelandia, coñecida como a coroa Waitangi (1935), levara consigo un longo proceso de deseño e produción e, en última instancia, resultara impopular entre os coleccionistas. A experiencia daquela demora e das dificultades alentaron a planificación máis a logo prazo para futuras emisións conmemorativas.[26]
En agosto de 1936, a Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia comezou a procurar a creación de moedas conmemorativas que se emitirían con motivo do centenario do Tratado de Waitangi, considerado un centenario para o propio país. Allan Sutherland propuxo a creación dunha moeda de media coroa conmemorativa, que se poría en circulación ao seu valor nominal.[27] O Goberno descartou a posibilidade de emitir moedas conmemorativas de valores faciais inferiores, decantándose pola de media coroa, e amosouse receptivo á proposta da Sociedade e a cooperar con ela para o deseño.[28]
Desde finais de agosto de 1938 ata finais de setembro celebrouse un concurso para o deseño da media coroa conmemorativa, así como para as moedas ordinarias de curso legal propostas, dun penique e de medio penique. Metcalfe e Kruger Gray presentaron deseños para a media coroa, mais os deseños finalmente seleccionados foron os do artista local Leonard Cornwell Mitchell, para as tres moedas.[29] O deseño de Mitchel para a media coroa presentaba unha muller maorí vestida con roupa tradicional (piupiu), de pé e cos brazos estendidos, rodeada por arquitectura tradicional maorí á súa dereita, unha paisaxe urbana moderna á súa esquerda e un Sol nacente detrás da súa cabeza. O labor da Royal Mint de transferir o esbozo de Mitchell á moeda resultou problemático, e o deseño do piupiu simplificouse a un padrón vertical menos enxebre. Logo da aprobación en agosto de 1939 polo alto comisionado Bill Jordan, a moeda entrou en fase de produción.[30]
Esta media coroa conmemorativa resultou bastante popular entre a poboación, que tendeu a gardala como recordo ou como obxecto de colección, ata o punto de que en 1941 practicamente desaparecera da circulación.[31] En 1940 non se produciu a versión estándar da media coroa, senón unicamente a emisión conmemorativa, e a súa tiraxe foi de 100.800 exemplares.[25][32]
Produción e tiraxes
[editar | editar a fonte]As tiraxes da media coroa variaron ao longo do seu período de circulación, e durante moitos anos non se emitiu, incluído un período de sete anos desde 1954 ata 1960.[32]
As medias coroas teñen 32 mm de diámetro e 14,1 gramos de peso.[33] Inicialmente cuñáronse en prata cunha pureza de 500 milésimas, e a partir de 1947 pasaron a producirse en cuproníquel, polo que moitas das anteriores foron retiradas da circulación polos bancos e fundidas polo seu contido de prata. A moeda de media coroa foi abolida en 1967 en favor das moedas do novo sistema do dólar neozelandés.[34]
Monarca | Ano de emisión | Moedas cuñadas |
---|---|---|
Xurxo V (1910-1936) [1][32] |
1933 | 2.000.000 |
1934 | 2.720.000 | |
1935 | 612.000 | |
1936 | 0 | |
Xurxo VI (1936-1952) [23][32] |
1937 | 672.000 |
1938 | 0 | |
1939 | 0 | |
1940 | 100.800 | |
1941 | 776.000 | |
1942 | 240.000 | |
1943 | 1.120.000 | |
1944 | 180.000 | |
1945 | 420.000 | |
1946 | 960.000 | |
1947 | 1.600.000 | |
1948 | 1.400.000 | |
1949 | 2.800.000 | |
1950 | 3.600.000 | |
1951 | 0 | |
1952 | 0 | |
Isabel II (1952-2022) [24][32] |
1953 | 120.000 |
1954 | 0 | |
1955 | 0 | |
1956 | 0 | |
1957 | 0 | |
1958 | 0 | |
1959 | 0 | |
1960 | 0 | |
1961 | 80.000 | |
1962 | 600.000 | |
1963 | 400.000 | |
1964 | 0 | |
1965 | 1.400.000 | |
Total | 21.584.000 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "½ Crown - George V". Numista.com
- ↑ Matthews, K. (2003).
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 32.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 97-98.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 141-142.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 142.
- ↑ 7,0 7,1 "An act to make Provision with respect to Currency, Coinage, and Legal Tender in New Zealand (Coinage Act. 1933)". New Zealand Acts As Enacted (nzlii.org).
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 144-145.
- ↑ 9,0 9,1 Stocker, M. (2005). Páxinas 145-146.
- ↑ Johnson, R. A. (1934). Sixty-Fourth Annual Report of the Deputy Master and Comptroller of the Royal Mint - 1933. Vol. 64. His Majesty's Stationery Office, Londres. Páxinas 6-8.
- ↑ Stocker, M. (2005-b-). Páxinas 10, 15.
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxina 147.
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxina 149.
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxinas 150-151.
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxina 151.
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxina 152.
- ↑ "New Zealand Coat of Arms 1911-1956". New Zealand History (nzhistory.govt.nz).
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxinas 155-156.
- ↑ "New Half-Crowns. Durability a Feature. Quarternary Alloy. Manufacturing Obstacles". En The Dominion. 28 de novembro de 1933.
- ↑ "New Half-Crown. Experts well Pleased. Traditional Design". En The Evening Post. 4 de decembro de 1933.
- ↑ 21,0 21,1 Stocker, M. (2005). Páxina 156.
- ↑ Stocker, M. (2005). Páxinas 156-157.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 Xurxo VI: 1º tipo (1937-1946) / Centenario (1949) / 2º tipo (1947) / 3º tipo (1948-1951). Numista.com
- ↑ 24,0 24,1 24,2 "½ Crown - Elizabeth II". Numista.com
- ↑ 25,0 25,1 "½ Crown - George VI Centennial issue". Numista.com
- ↑ Stocker, M. (2010). Páxinas 187-188.
- ↑ Stocker, M. (2011). Páxina 205.
- ↑ Stocker, M. (2011). Páxinas 206-207.
- ↑ Stocker, M. (2011). Páxinas 207-211.
- ↑ Stocker, M. (2011). Páxinas 216-218.
- ↑ Stocker, M. (2011). Páxinas 221.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 Čuhaj, G. S. (2015). Páxinas 1.627-1.638.
- ↑ Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En An Encyclopaedia of New Zealand. R. E. Owen, Wellington.
- ↑ Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 182-183.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Čuhaj, G. S. (2015). Standard Catalog of World Coins: 1900-2000 (41ª ed.). Krause Publications. Iola. ISBN 9781440240393
- Hargreaves, R. P. (1972). From Beads to Banknotes. Dunedin: John McIndoe.
- Matthews, K. (2003). "The Legal History of Money in New Zealand". En Reserve Bank of New Zealand Bulletin. 66 (1). Páxinas 40-49.
- Stocker, M. (2005). "'A Very Satisfactory Series': The 1933 New Zealand Coinage Designs". En British Numismatic Journal. 75. British Numismatic Society. Páxinas 142-160.
- Stocker, M. (2005-b-). "‘The Numismatic Birth of the Dominion’ The 1933 New Zealand Coinage Designs". En New Zealand Numismatic Journal. Supl. Nº 82. Royal Numismatic Society of New Zealand. Páxinas 3-21.
- Stocker, M. (2010). "The New Zealand 'Waitangi' Crown of 1935". En British Numismatic Journal. 80. British Numismatic Society. Páxinas 176-188..
- Stocker, M. (2011). "Completing the Change: The New Zealand Coin Reverses of 1940". British Numismatic Journal. 81. British Numismatic Society. Páxinas 203-222.